Menú da páxinas
Menú de categorías

Bases do concurso

 

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, en parzaría coa Área de Normalización Lingüística e en colaboración co departamento de Cultura da Deputación de Pontevedra, convoca o II Premio de Investigación Lingüística e Etnográfica sobre lingua e cultura galegas «Marcosende» 2018

BASES

1. O Premio de Investigación Lingüística e Etnográfica «Marcosende» (2018) quere recoñecer e divulgar a calidade dos traballos sobre temas lingüísticos e etnográficos realizados no derradeiro curso da ESO e no bacharelato.

2. Xa que logo, poderase presentar a este premio calquera estudante matriculado en 4.º da ESO e no bacharelato nos centros educativos de Galicia e das comarcas estremeiras de lingua e cultura galegas de Asturias, León, Zamora e Cáceres durante o curso 2018/2019.

3. Só se poderá presentar un traballo orixinal e inédito por persoa, que terá que vir avalado por un/unha docente do centro.

4. Os traballos poden abranguer todo tipo de temas lingüísticos e etnolingüísticos: recollida e análise de microtoponimia dunha parroquia; recollida de refráns e adiviñas ou xogos de sortes dunha zona; recollida de onomástica; recollida dun campo semántico nunha bisbarra; un estudo sociolingüístico (do centro escolar, dunha zona concreta etc.); recollida de cantigas ou de contos populares dunha zona etc.

5. Os traballos presentaranse individualmente, en formato electrónico (tipo de letra Times New Roman 12, entreliña de 1,5 e cunha extensión de entre 15/10 folios). Por unha banda enviarase un arquivo adxunto por correo electrónico a marcosende@territoriocreacion.gal en formato Word ou Open Office encabezado polo título e o pseudónimo, sen datos persoais. O nome deste arquivo adxunto será o pseudónimo.
Por outra banda, por correo postal enviaranse os datos persoais da persoa participante, que porá no remite do sobre o pseudónimo co que asina o traballo. No interior enviaranse os datos da persoa concursante (nome e apelidos, centro e nivel de ensino, idade, enderezo, teléfono e enderezo-e), o aval do persoal docente (segundo o modelo “Nome e apelidos, materia do persoal docente, nome do centro, avala a presentación deste traballo no II Premio de ILE Marcosende 2018») etc. Este sobre deberase enviar a:

II Premio de Investigación “Marcosende”
Departamento de Filoloxía Galega e Latina
Facultade de Filoloxía e Tradución
Praza das Cantigas s/n
Campus de Vigo. Universidade de Vigo
36310 Vigo

6. O xurado, que non se dará a coñecer ata o momento do ditame, estará formado preferentemente por profesorado titular de lingua galega do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo elixido polo Consello de Departamento, unha representación da Área de Normalización e outra representación da Deputación de Pontevedra, e será presidido polo docente máis antigo.

7. Haberá tres premios, un primeiro que gañará 500 euros (antes de impostos) e un diploma, un segundo que gañará 300 euros (antes de impostos) e un diploma e un terceiro premio que gañará 200 euros (antes de impostos) e un diploma.

8. Os tres traballos premiados publicaranse na web do Departamento de Filoloxía Galega e Latina (ao que se lle ceden os dereitos de autoría, que se consideran aboados polo valor dos premios) e o Departamento resérvase o dereito a facer unha edición dos traballos seleccionados. O xurado poderá declarar deserto algún premio ou propoñer a publicación de traballos non premiados.

9. Os traballos enviaranse á secretaría do departamento antes das 14.00 h do luns 5 de novembro de 2018. A resolución do xurado publicarase o día 10 de decembro de 2018, comunicaráselles ás persoas gañadoras e á prensa e, posteriormente, terá lugar o acto de entrega dos premios presidido polo reitor da Universidade de Vigo ou persoa en quen delegue.

10. Os sobres cos datos das persoas concursantes non premiadas, ou non propostas para a publicación, e os ficheiros informáticos cos seus traballos destruiranse unha vez rematado todo o proceso.

11. A participación neste II Premio de Investigación Lingüística e Etnográfica Marcosende supón o acatamento das presentes bases e da decisión do xurado, que será inapelable.

Descarga as bases do concurso en pdf. coas normas de participación

 

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, en parzaría coa Área de Normalización Lingüística e en colaboración co departamento de Cultura da Deputación de Pontevedra, convoca o II Premio de Creación Literaria Galega «Cumieira das Cantigas» 2018

BASES

1. O Premio de Creación Literaria «Cumieira das Cantigas» (2018) quere estimular e fomentar a calidade da creación literaria existente entre o alumnado do derradeiro curso da ESO e no bacharelato.

2. Poderase presentar a este premio calquera estudante matriculado en 4.º da ESO e no bacharelato nos centros educativos de Galicia e das comarcas estremeiras de lingua e cultura galegas de Asturias, León, Zamora e Cáceres durante o curso 2018/2019.

3. Só se poderá presentar un traballo de creación, orixinal e inédito, por persoa.

4. A temática é libre e os xéneros recomendados son a poesía e a narrativa curta ou relato breve. En narrativa curta ou relato breve os traballos de creación terán unha extensión entre 5 e 10 folios. En poesía os traballos de creación terán un mínimo de 100 versos e un máximo de 200; os traballos de poesía tamén se poden presentar en forma de videopoemas, en calquera formato dixital, cunha duración máxima de 3 minutos.

5. Os traballos presentaranse, individualmente, en formato electrónico (tipo de letra Times New Roman 12, espazamento entre liñas de 1,5 e cunha extensión de entre 9/10 folios para os traballos que non sexan videopoemas). Por unha banda, enviarase un arquivo adxunto por correo electrónico a cumieira@territoriocreacion.gal en formato Word ou Open Office encabezado polo título e o pseudónimo, sen datos persoais. O nome deste arquivo adxunto será o pseudónimo.
Por outra banda, por correo postal enviaranse os datos persoais da persoa participante, que porá no remite do sobre o pseudónimo co que asina o traballo. No interior enviaranse os datos da persoa concursante (nome e apelidos, centro e nivel de ensino, idade, enderezo, teléfono e enderezo-e), o aval do persoal docente (segundo o modelo «Nome e apelidos, materia do persoal docente, nome do centro, avala a presentación deste traballo no II Premio de CLG Cumieira das Cantigas 2018») etc. Este sobre deberase enviar a:

II Premio de Creación Literaria «Cumieira das Cantigas»
Departamento de Filoloxía Galega e Latina
Facultade de Filoloxía e Tradución
Praza das Cantigas s/n
Campus de Vigo. Universidade de Vigo
36310 Vigo

6. O xurado, que non se dará a coñecer ata o momento do ditame, estará formado preferentemente por escritores/as e profesorado titular de literatura galega do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, elixido polo Consello de Departamento, e unha representación da Área de Normalización Lingüística e outro da Deputación de Pontevedra, e será presidido polo docente máis antigo.

7. Haberá tres premios, un primeiro que gañará 500 euros (antes de impostos) e un diploma, un segundo que gañará 300 euros (antes de impostos) e un diploma e un terceiro premio que gañará 200 euros (antes de impostos) e un diploma.

8. Os tres traballos premiados publicaranse na web do Departamento de Filoloxía Galega e Latina (ao que se lle ceden os dereitos de autoría, que se consideran aboados polo valor dos premios) e o Departamento resérvase o dereito a facer unha edición dos traballos seleccionados. O xurado poderá declarar deserto algún premio ou propoñer a publicación de traballos non premiados.

9. Os traballos enviaranse á secretaría do departamento antes das 14.00 h do luns 5 de novembro de 2018. A resolución do xurado publicarase o día 10 de decembro de 2018, comunicaráselles ás persoas gañadoras e á prensa e, posteriormente, terá lugar o acto de entrega dos premios presidido polo reitor da Universidade de Vigo ou persoa en quen delegue.

10. Os sobres cos datos das persoas concursantes non premiadas, ou non propostas para a publicación, e os ficheiros informáticos cos seus traballos destruiranse unha vez rematado todo o proceso.

11. A participación neste II Premio de Creación Literaria «Cumieira das Cantigas» supón o acatamento das presentes bases e da decisión do xurado, que será inapelable.

Descarga as bases do concurso en pdf. coas normas de participación